GaliciadeModa tivo a sorte de asistir a presentación do filme ‘Todo é
silencio’ baseada nunha novela do escritor coruñés Manuel Rivas, dirixida por José
Luis Cuerda e guionizada polo mesmo escritor. O filme narra a complicada
relación entre os tres protagonistas que viven inmersos no mundo do
narcotráfico dende pequenos. O actor Quim Fernández (AzulOscuroCasiNegro)
interpreta ó mozo que volve á súa vila natal como axente de policía para loitar
contra o narcotráfico mentres que o amor da súa vida interpretada por Celia
Freixeiro (Homicidios) e o seu mellor amigo interpretado por Miguel Ángel
Silvestre (Alakrana) están totalmente atrapados polo tráxico destino do
narcotráfico. Como non podía ser doutra maneira, a rodaxe tivo lugar en
Galicia, na Costa da Morte, onda a paisaxe ten un especial carisma.
Falamos con Manuel Rivas, autor da
novela e guionista de ‘Todo é silencio’.
A relación profesional entre Cuerda e vostede semella que
parte tamén dunha amizade activa e creativa.
José Luis Cuerda é
destas persoas que axudan a ter unha mirada más ampla, das que cando falas con
elas saes coa cabeza chea de novas ideas. Ten moito sentido do humor e,
precisamente, a súa boa aclimatación a Galicia ven do seu carácter irónico. É
unha persoa que escoita o latexo da terra e polo tanto sabe contar moi ben as
paixóns humanas.
No caso
de A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro non foi
responsable da escritura do guión pero neste caso a responsabilidade é súa ó
cen por cen. ¿Atópase cómodo neste papel?
Nun primeiro momento fun algo reticente cando mo
propuxeron pois todo o proceso de facer unha película é realmente complexo. Pero
ás veces é dabondo con que che digan algo novo para que estea aí a idea, coma
co pan, levedando. Despois de dous anos chamaron de novo insistindo e decidín
aceptar o desafío. Foi unha moi boa experiencia e ademais, híbrida, por xuntar
elementos literarios e audiovisuales.
A vila protagonista, Noitía, é
unha localización ficticia, ¿pero de qué lugares comúns está formada?
Para min foi unha parte moi bonita do traballo
axudar a localizar pois xa tiña escenarios na mente. Aínda que a xente tiña
como localización de partida Arousa non quería establecer unha ligazón tan
obvia. Non se trata da historia dun capo concreto senón da metamorfose dos
capos do narcotráfico en Galicia. É unha paisaxe que non está nun lugar
concreto pois ademais en Galicia tes moitas posibilidades: pasas dun cantil cunha
mar bravísima e en poucos quilómetros un areal tranquilo ó abeiro da ría.
Os
protagonistas de ‘Todo é silencio’ viven situacións moi límites na novela e o
filme, ¿pensa que así saen as mellores personaxes?
Colocar os seres humanos nunha situación
fronteiriza fai que afloren as paixóns e saia ese lugar estraño que é a alma, a
caixa negra do ser humano, esa zona misteriosa. A historia de fondo do
narcotráfico, así como a guerra, é un escenario universal onde se pon a proba a
condición humana.
É
palpable o éxito cinematográfico e televisivo que ten o tema do narcotráfico, sen
embargo, chama a atención o silencio informativo por parte dos medios
convencionais. ¿Pensa que falar deste conflito é responsabilidade dos
guionistas e escritores?
O xornalismo e a literatura son tempos diferentes e
distantes. Penso que mesmo no título do filme, na idea do silencio, estamos a
ver como non só en Galicia si no tamén en Latinoamérica como a literatura ou o
cinema van cun fósforo aí onde hai penumbra e escuridade. Kierkegaard dixera
que canto máis profundo sexa o silencio más terrible é o demo que agocha. Nese
sentido, o chamado narcotráfico é a metáfora doutras cousas que estamos a ver
neste tempo coma a corrupción ou os poderes ocultos. O fondo da historia é o
poder, a cobiza polas propiedades, diñeiro ata querelo dominar todo. O
importante non é a mercadoría concreta porque cando vemos unha historia de
gánsters non nos preocupa tanto o proceso de destilación de alcohol se non qué
pasa coa condición humana. A historia van sorprender nese sentido.
Moi interesante esta entrada do blog. Encántame Manuel Rivas!!
ResponderEliminarPor certo, deberías publicar algunha máis en galego :)
Un bico